Blogia
FORO ABIERTO DA XUVENTUDE

DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE...

DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE...

A organización dun encontro de mozas e mozos con participación activa nos centros galegos da República Arxentina non pode ser máis que un motivo de orgullo e ledicia para todas e todos. Por iso, os máis sinceros parabéns desde esta Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade para organizadores e participantes neste Foro da Xuventude. Uns parabéns que se incrementan ante esta segunda edición, pois o feito de celebrarse amosa unha constancia e persistencia, unha implicación e compromiso dignos de eloxio ligados ao traballo anónimo e desinteresado no seo da mocidade galego-arxentina.


Nun mundo cada vez máis globalizado, a existencia en países como Arxentina dun importante número de mozas e mozos orgullos das súas raíces galegas e, o que é máis importante, dispostos a manter as mesmas sempre desde unha óptica de renovación, de reinterpretación das mesmas e de exploración das súas posibilidades, supón unha ferramenta de enorme potencial a nivel de diferentes ámbitos. Afondar nesa importancia é unha tarefa que, sabemos, a mocidade galego-arxentina leva tempo realizando, como amosan encontros e foros como este que se está a celebrar na cidade que non poucos galegos, ao longo dos momentos máis escuros da nosa historia coma país, visionaron como a necesaria capital “espiritual” dunha Galiza dona de si mesma.


Desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade queremos, sobrepasando as declaracións retóricas e compromisos baleiros nos que non poucas veces no pasado caeu a administración galega para cos galegos de Alén Mar, compartir coa colectividade galego-arxentina proxectos e iniciativas, pois compartimos unha mesma finalidade: Que todas as galegas e galegos, onde queira que estén, se sintan parte activa da construción dunha Patria que Daniel Castelao soñou, precisamente en Bos Aires, como “aberta e xenerosa”.


Sen máis, e desexando que este II Foro da Xuventude sexa do máis produtivo e enriquecedor, reitero, coma director xeral de Xuventude e Solidariedade, a miña sincera felicitación a todos vós pola celebración deste encontro, á vez que me poño á vosa disposición para todo aquelo que consideredes.

 

De novo, e sinceramente, grazas por, moitas veces contra vento e marea, darnos aos galegos desta beira do Atlántico, un exemplo de compromiso e persistencia.

 

 

RUBEN CELA DIAZ
Director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia

0 comentarios