Blogia
FORO ABIERTO DA XUVENTUDE

COMER DÍA A DÍA...

COMER DÍA A DÍA...

Compráceme enormemente ver que ese lume que prendeu hai xa uns anos en Bos Aires, entre a mocidade da colectividade galega, segue acesa e sen trazas de que se vaia apagar. Considero moi importante a celebración deste segundo foro. É un motivo de encontro, de intercambio, de estímulo… Pero tamén quero apuntar unha cousa: máis importante que os banquetes é a comida de cada día. Con isto quero dicir que inda que os banquetes, as celebracións, os fitos… son algo que sempre nos anima no noso camiño, non terían sentido se non fosen seguidos e precedidos dun traballo diario, máis calado, máis invisible, pero necesariamente efectivo.

Encontros como este foro serven para que a mocidade se marque liñas de traballo, para que se intercambien ideas e experiencias, e para recoller as conclusións e recapitular o traballo dos dous anos anteriores.

Recordo os cursos de xestión de entidades impartidos hai xa catro anos polas miñas compañeiras Ángela e Begoña Paz e por min mesmo. Os tres sentímonos especialmente satisfeitos polo acicate que supuxo para “espertar” a unha mocidade con ganas de facer algo, con ganas de mover moitas cousas. Non era, e non é, un labor fácil, porque a estrutura da colectividade galega é complexa: moitos centros, unha gran cantidade de persoas implicadas, unha área xeográfica enorme, uns itinerarios colectivos e persoais moi diferentes… Pero se non hai movemento non hai cambio. E claro que ninguén dixo que ía ser fácil. O noso obxectivo á hora de impartir os cursos, máis que “ensinar” era “motivar”, dar ferramentas e orientar na procura dos propios recursos –que os hai– para intentar a unión da mocidade galega en Bos Aires. Unión, que non “homologación”. Cada centro, cada colectivo, ten a súa propia idiosincrasia, a súa propia historia, a súa propia ideoloxía. E todo iso é unha riqueza. A diversidade ten que servir para unir, non para separar nin moito menos para enfrontar. Ningún centro é mellor ou peor ca outro. Todos teñen os seus valores e o realmente importante é que os que neles participan crean de verdade e honestamente neses valores que ao final teñen un obxectivo común: esa galeguidade da que tantas veces se fala e poucas veces se explica.

Entendo, e creo que comparto ideas coas miñas dúas compañeiras, que a galeguidade é ese sentido de pertenza a un país, Galicia, cunha cultura, unhas tradicións, un estilo de vida, un idioma, que o fai diferente a outras comunidades. E precisamente por esa diferenza e por esa riqueza, pode contribuír a unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis progresista. Colaborando con outras comunidades igualmente ricas (non precisamente nin necesariamente no económico). Construíndo unha sociedade na que todos, xente nova, nenos e nenas, adultos e maiores, teñan o seu lugar, a súa función…

O futuro dos centros galegos, e o futuro da colectividade galega, está nas vosas mans, mozos e mozas galegos da Arxentina. Para avanzar e construír un futuro mellor é necesario que deixedes aparte as diferenzas e que vos centredes no común, que é moito. Sen exclusións, con afán de colaboración, dando todo o que sodes, esixindo o que é voso, pero sempre desde posturas conciliadoras e de diálogo.

Esquecervos, deixade aparte, os vellos e archiconocidos clichés que bloquean a acción: “é que as directivas non nos dan paso”, “é que os centros son individualistas”, “é que hai moito personalismo”, “é que a Xunta non nos axuda”, “é que…”. Como dixemos naqueles cursos, a decisión está nas vosas mans. Se ademais diso se conta co apoio das directivas, dos centros, da Xunta… pois moito mellor. Pero se por calquera razón iso non se dá, hai que seguir movéndose, loitando polos ideais… e empregando unha expresión bíblica, “o resto darásevos por engadidura”… O demais son axudas, pero non poden ser o fundamento da nosa acción.

Xa para finalizar, inda que agora tanto Ángela, como Begoña, como eu mesmo, estamos un pouco apartados da acción institucional, pensamos frecuentemente en vós, lembrámonos en moitas ocasións daqueles cursos nos que tanto gozamos, seguimos dun ou outro xeito a vosa traxectoria, e animámosvos a seguir traballando, a seguir esixindo, a seguir superándovos e, sobre todo, non o esquezades, “a comer día a día”

Un forte abrazo para todos e todas,

JORGE CASTRO RUSO
Coordinador Equipo Dinamizadores
Cursos Gestión de Entidades y Animación Juvenil.
Angela Paz García / Begoña Paz García.

0 comentarios